Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Brión inicia as obras de mellora na escola unitaria dos Ánxeles


Os traballos teñen un prazo de execución de dous meses e resolverán os problemas de filtración de auga do patio cuberto e ampliarán a zona de xogo dos nenos, onde se instalarán xogos infantís

O Concello de Brión vén de iniciar unhas obras de mellora na escola unitaria dos Ánxeles, que teñen un prazo de execución de dous meses. Os traballos consisten na ampliación do areeiro de xogo, onde se instalarán unha serie de xogos infantís, e na impermealización do murete exterior do patio cuberto, construído recentemente nunha iniciativa na que participaron a ANPA da escola unitaria dos Ánxeles, o Concello de Brión, o Colexio de Arquitectos de Galicia e a Fundación Paideia.

A concelleira de Ensino, Iolanda Bouzas, explica que “recentemente se detectaron problemas de filtracións de auga sobre o murete exterior do patio cuberto anexo á escola, polo que imos canalizar esa auga e mellorar as condicións de impermeabilización do murete”. Esa entrada de auga procede do terreo que rodea a escola infantil, polo que os traballadores da Brigada de Obras do Concello de Brión comezaron xa a facer traballos para canalizala e alonxala do murete.

Para iso vaise executar unha arqueta a pé da baixante da nova cuberta, que será conectada á rede municipal, e un caixeado de terra pegado ao muro para reforzar e completar a impermeabilización, mellorando tamén a canalización da tubaxe de drenaxe existente. A maiores, melloraranse as condicións de impermeabilización do murete. Estas obras estarán rematadas un prazo de mes e medio.

Zona de xogo

Paralelamente, o Concello de Brión aproveitará estas obras para dar resposta a unha petición da ANPA da escola unitaria dos Ánxeles: a ampliación do areeiro existente onde xogan os cativos. “Imos ampliar o areeiro ata acadar unha superficie duns sesenta metros cadrados, xusto ata o novo patio, e tamén imos instalar unha serie de xogos apropiados para as idades dos nenos”, apunta Iolanda Bouzas.

Así mesmo, a Brigada de Obras de Brión tamén mellorará parte do pavimento natural exterior comprendido entre o areeiro e o borde sur da parcela da escola unitaria. Para iso sembrarse novo céspede, xa que é a solución máis apropiada para esta zona xa que salvagarda este espazo de esparcemento, que conta cun arborado frondoso e unha manta natural idónea para o xogo dos rapaces. Tamén se reporá ao seu estado previo a outra zona verde, comprendida entre a pista de xogos e o areeiro. As obras estarán rematadas nun prazo de dous meses.